A obra emerxe do Grupo de Estudos que se celebrou ao longo do 2022 na Fundación Luis Seoane e aborda o significado da identidade, a cal é concibida dende o seu carácter mutante, cambiante, adaptativo, lonxe de esencialismos normativizantes. A publicación sinala a relevancia dos procesos de fixación de identidade, en tanto son procesos perfomativos, mais tamén analiza as migracións, os legados, a construcción da idea da nación, da potencia do popular, en definitiva un exercizo de pensamento coral sobre a idea de galeguidade na contemporaneidade. Galiza está no Norte Global, mais non é Berlín, nin Londres, é un recuncho atlántico atravesado por unha fonda emigración histórica. A obra aborda esta complexidade así como a vixencia do significado de pobo oprimido, en tanto ser colonia e colonizador son ambas caras da mesma moeda. En definitiva, a publicación non pretende sentar cátedra ou construír verdades, se non contribuír, con modestia, a abrir un diálogo do xeito que temos de ler Galiza.
Textos de Fran Quiroga, coordinador do Grupo de Estudos, dos profesores de universidade de Berkeley Ramón Grosfoguel, da USC Xose M. Núñez Seixas, Emilio Carral e Cristina Botana e da UDC Antía Pérez Caramés e Keina Espiñeira; asi como dos investigadores e activistas Brigitte Vasallo, Pablo Pesado, Mafe Moscoso, Leticia Couto, Serxia Laxe, María Novas e Fernando Pérez, asi como da curadora Agar Ledo e as artistas Mercedes Peón, Lucía Egaña e Artemisa Semedo; a obra conta tamén co deseño de Desescribir
