Legado Coidado

Mediación
2018-actualidade
Investigación. Acción-Participativa
75000€
Co apoio de: Concomitentes e a Fundación Daniel y Nina Carasso

Legado Coidado (Betanzos, Galicia) é un proxecto de creación contemporánea de Concomitentes, a versión española de Nouveaux Commanditaires, un programa impulsado en Francia hai máis de trinta anos polo artista François Hers.

Imaxe de Oscar Gorriz. Correpóndese á xornada de devolución e o Canto Coral Coreografado conducido por Marina Oural e Ugia Pedreira, da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento

O patrimonio pode ser un conxunto de elementos materiais e tecnoloxías que o moldean e tamén o resultado dun vínculo inmaterial coas comunidades que o rodean, dotándoo de sentido. O Parque do Pasatempo en Betanzos, Galicia, é ademais do «parque temático máis tolo de Europa», un espazo referencial para os habitantes desa localidade, onde hai unha relación moi estreita entre a comunidade e ese recurso material. Traballar desde ese vínculo ten un gran potencial porque o que se crea emerxe desde ese amor. Tramar proxectos desde ese lugar é unha estratexia fronte á desilusión ou a apatía, tendo en conta que o Parque do Pasatempo é a historia dun desencanto; permanece pechado desde 2018 e co lastre dun proceso de recuperación e rehabilitación moi cuestionado, onde se sucederon procesos de especulación e desidia entre moitos dos axentes que deberan ter participado na súa custodia e salvagarda.

A caída do templete do Estanque do Retiro no Pasatempo en 2018 foi o detonante para unha forte mobilización nesta vila galega. Aínda que o parque xa se atopaba moi degradado, calquera que o visitase podía constatalo, ese derrubamento foi a metáfora perfecta: todo se desmoronaba. Foi a sociedade civil, a través dos seus mecanismos de enunciación política, a que demandou un maior coidado dun ben patrimonial excepcional. Sustentar que algo debe ser salvagardado non é só cousa dos expertos patrimonialistas, senón que ha de ser rubricado pola propia sociedade, que é quen, a través dos seus valores ou como exercicio de corresponsabilidade cívica, determina aquilo que ha de permanecer no tempo ou non.

Que a Asociación de Amigos do Parque do Pasatempo impulsase unha manifestación e lograse convocar a aproximadamente 200 persoas o 25 de maio de 2019 mostra a preocupación social sobre un parque tan enigmático como o do Pasatempo. A cidadanía, ao fin, poñíase ao fronte para reclamar un ben que consideran propio, rompendo así unha desidia social e política (que adoitan ir da man) que acompañaba ao coidado do parque.

Ese detonante devén en acontecemento, entendendo a este non como “a solución dun problema, senón a apertura de posibles” como diría Lazzarato (2006, 45). Aínda que o pensador italiano se refire a movementos como os de Seattle e os movementos antiglobalización, aquí atopámonos con todo un acontecemento local. É un feito de gran transcendencia para moitos veciños e veciñas. Pensar no menor é facer xustiza co que lle afecta a moitos na periferia, na marxe. Desde aquel día até hoxe, o Parque do Pasatempo logrou ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC), máxima figura de protección patrimonial en España, tivo unha rehabilitación dese estanque e desenvolveuse o Plan Director do Pasatempo. Paradoxicamente, e malia vivir nun mundo cada vez máis dixital, este plan só pode consultarse nas dependencias da Xunta de Galicia. Ademais de todas estas accións, desde 2018 iniciamos desde Concomitentes, xunto a un bo número de aliados, o proxecto artístico participativo chamado Legado Coidado.

Do proceso, Concomitentes como unha interface para posibilitar materializar desexos

Concomitentes, ademais de ser unha entidade sen ánimo de lucro é tamén unha interface, un espazo intermedio entre a cidadanía e aquilo que lles preocupa, facilitando metodoloxías e recursos económicos para a materialización dese desexo colectivo. En outubro de 2019 anunciabamos na web de Concomitentes a primeira xornada pública do proxecto.

Afirmabamos que “desde outubro de 2019 até 2021 levarase a cabo un proxecto de intervención artística que busca converter á sociedade civil en promotora dunha obra de arte”. Non foron dous, senón cinco anos, cunha pandemia polo medio e varias dificultades. Non sempre se comprendeu por que debía ser a cidadanía a que liderase este proceso. Ao proxecto sumáronse, ademais da Asociación Amigos do Parque do Pasatempo, a ACLP Roxín Roxal e a Asociación Amigos do Casco Histórico de Betanzos, así como a colaboración do Concello de Betanzos e a Asociación Gabinete de Imaxinación, entidade federada con Concomitentes para o desenvolvemento local deste proceso.

A proposta inicial era se unha vila, a de Betanzos, podía facer un encargo artístico en torno ao legado dos irmáns García Naveira, con toda a complexidade que iso supuña, xa que implicaba falar de patrimonio, memoria, educación, retorno, riqueza ou espolio. De aí que se optase por unha Investigación-Acción-Participativa que facilitase metodoloxías e pedagoxías do encontro para que a cidadanía xerase un encargo artístico que recollese o desexo colectivo sobre o que a artista debía materializar a través dunha obra. Nesa fase de escoita, traballouse con metodoloxías como a Conversa Camiñada, o Café Diálogo, o debuxo, a música ou a propia festa. Ademais de facelo con veciños e veciñas, fixémolo con persoas e aliadas como a cooperativa Rexenerando, que facilitou as sesións, e a participación de moitas convidadas que nos acompañaron e axudaron a xerar esa máquina de produción de desexo colectivo que foi este proceso, como dicía a poeta Lara Dopazo nunha das sesións participativas.

Unha obra de arte como acto de reparación

Steven Jackson afirma que existen no mundo dúas realidades radicalmente diferentes: “por un lado, un mundo fractal, un mundo centrífugo, un mundo case sempre desmoronándose. Por outro lado, un mundo nun constante proceso de fixación e reinvención, reconfiguración e reensamblaxe de novas combinacións e novas posibilidades” (1), de aí que desde Concomitentes se traballase desde a reparación como ese sutil coidado de mantemento e transformación, que sería o punto de apoio entre ambos mundos. É dicir, a intervención artística non buscaba só unha rehabilitación do parque, senón partir dunha xenealoxía para reensamblar novos futuros desde o presente. Interesábanos a reparación porque non só nos centramos no ano 0 da construción, senón en todo o que supuxo o abandono, a especulación posterior e esa mutación constante do parque. A proposta de reparación tamén permite resaltar aquilo que foi silenciado, como a auga e o seu cauce. Podería ser unha restitución que recuperase o orixinal perdido, eliminando unha pista de atletismo, un campo de fútbol e unha zona de xogo de petanca, pero preferimos situarnos desde o lugar desa política curativa que non busca derrocar, reformar ou regresar ao vello; nin que creia nun salto milagroso cara ao novo e radicalmente liberado. Reensámblase, reinvéntase e refaise. Vólvese a emparellar, seguindo aquilo que Yifan Wang e Changwen Chen afirman que “unha política de reparación é unha política de curación” (2).

O proxecto localízase no Parque do Pasatempo, que é un espazo especial que ten un valor simbólico moi importante e un gran prestixio no imaxinario artístico galego, por ser un dos grandes monumentos á emigración. Ao longo das sesións públicas, participaron máis de 200 veciños e veciñas que demandaron que a obra final debía abordar o futuro dese parque e toda esa memoria que o impregna, así como debía superar a idea de monumentalidade e o épico, ou que a proposta artística debía pivotar sobre os eixos de legado, identidade e a idea do inacabado, así como se rexeitou que a intervención fose estritamente efémera.

Baixo esta premisa, foi Carme Nogueira a artista seleccionada. A súa traxectoria artística estivo marcada polo traballo con procesos de subxectivización e a función normalizadora dos espazos a través de procesos de investigación. As súas preocupacións están relacionadas coa intimidade, o espazo público e doméstico, espazos urbanos e xénero con dispositivos e accións que activan aos espectadores, promovendo outras narrativas. É licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca e doutora na Universidade de Vigo. Realizou residencias en, entre outros espazos, Witte Rook (Breda, 2020), Bulegoa z/b (Bilbao, 2017) ou PROGRAM (Berlín, 2010).

Así, a intervención artística de Carme Nogueira inclúe sete pezas modulares de cemento reciclado que recrean un canal na parte baixa do parque, destacando a conexión entre as dúas partes do parque a través da auga. A formalización da intervención consta dunha serie de 7 pezas modulares de 150 x 100 x 67 cm, que buscan dialogar coas partes perdidas da Fonte de Neptuno, que formaba parte dese canal. Queren erixirse, ficcionalmente, no molde das pezas perdidas, no seu negativo. Como se a fonte se houbese disolto e os seus restos se houbesen distribuído no territorio, pero convertidos no seu negativo, o seu molde.

A produción das obras encargouse á empresa Rodiñas, especializada en grandes instalacións de cemento. As pezas creáronse con restos de cemento doutras obras. Ademais da produción destas pezas artísticas, levouse a cabo unha intervención paisaxística creada por Iñigo Segurola, coñecido xardineiro e presentador do programa de televisión Bricomanía. A súa proposta engade unha densa plantación como pantalla cara ao peche e valados publicitarios do actual campo de fútbol. Entre outros elementos naturais, a proposta inclúe: 4 unidades de secuoia, 8 unidades de palmeira ou 29 bananeiras xaponesas. Interviuse nunha área de 1200 metros cadrados, mobilizando máis de 400 metros cúbicos de terra, o que supuxo a renaturalización dunha área degradada anexa ao campo de fútbol.

Para o proxecto, contouse tamén coa asistencia técnica da arquitecta Carmen Calatayud, o profesor de arquitectura da Universidade de A Coruña José Manuel Vázquez Mosquera e o equipo de arqueoloxía Arbore, así como a produción da empresa ARCE para o xardín. Así mesmo, o proxecto contou con informes favorables de varias entidades gobernamentais e a aprobación do pleno do Concello para a cesión da obra e o seu posterior mantemento.

Finalmente, o proxecto, que non é máis que a contribución cidadá para o coidado dun parque, conseguiu o apoio da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, que se suman así ao apoio da Presidencia Española ante o Consello da UE e a Fundación Daniel e Nina Carasso, principal financiador deste proxecto, que tivo un custo de máis de 70.000 euros. Unha vez máis grazas a todas as persoas que fixeron posible que se cumprise ese soño que tiñamos en 2019. Por último, facémonos eco do que pedía Ángel Arcay, veciño e comitente, en 2021, que aspiraba a que a obra final “recordara como se viviu todo o proceso de forma conxunta, pero sobre todo conseguir que xente que, aínda que non participase en todo o proceso, baixe até o Pasatempo e saiba que esa obra é un traballo en comunidade e que forma parte do parque”; esperemos que así sexa.

(1) Jackson, S. J. 2014. “Rethinking Repair”. en Media Technologies: Essays on Communication, Materiality and Society, eds. P. Tarleton Gillespie. Cambridge (Mas): MIT Press. Pp 222. (2) https://www.e-flux.com/journal/146/613173/the-unauthorized-repair-of-the-world/

Con a colaboración de: Asoc. Amigas do Parque do Pasatempo, Asoc. Roxín Roxal, Asoc. Amigos do Casco Histórico de Betanzos e a Asoc. Gabinete de Imaxinación e o Concello de Betanzos.

Coa colaboración de: Asoc. Amigas del Parque del Pasatiempo, Asoc. Roxin Roxal, Asoc. Amigos do Casco Histórico de Betanzos e la Asoc. Gabinete de Imaxinación el Concello de Betanzos