
Son licenciado en ciencias políticas pola Universidade de Santiago de Compostela, con estudos nas universidades de Cork e Granada. Dirixín as investigacións artísticas Ruraldecolonizado, o Gabinete de Imaxinación Política, Fiestas Raras, o Programa de Estudos en Man Común (PEMAN) e o #salóndoMARCO. Actualmente son director de Concomitentes (New Patrons España), entidade sen ánimo de lucro onde a cidadanía encarga obras de arte partindo das súas demandas. Un modelo que entende a cultura como dereito e como práctica democrática, e que trata o proceso de creación artística como un acto de negociación colectiva entre unha comunidade, un mediador e un artista. Son tamén membro do Board da Société Européenne des Nouveaux Commanditaires.
As miñas investigacións parten sempre dun territorio concreto para facer preguntas máis amplas. Ruraldecolonizado interrogou como a cidade subalternizou os modos de pensar e sentir rurais. Fiestas Raras explorou a festa como espazo de enunciación política onde o normativo se volve negociable. Montenoso —Mención de Honor no Prix Ars Electronica 2014— construíu unha comunidade epistémica en torno aos montes veciñais en man común: unha figura xurídica que desafía a dicotomía público-privado e que apunta cara a outras formas posibles de habitar e xestionar o colectivo. A escala europea coordinei proxectos financiados pola Comisión Europea que ensaian a arte como práctica concreta de reparación socioecológica.
Coordinei o informe Cultura e Sustentabilidade do Consello da Cultura Galega e o Manual de Políticas Públicas Locais da Deputación da Coruña. Traballei tamén para a USC como coordinador da rede REVOLTA de grupos de investigación en agroecoloxía (USC/UVigo), en Eo Alimenta —un proxecto alimentario participativo entre Galicia e Asturias financiado pola Fundación Daniel e Nina Carasso— e no desenvolvemento do Plan Estratéxico do Centro de Investigación en Paisaxes Culturais Atlánticos.
Son coautor e coeditor de Agenciamientos ecológicos (Bartlebooth, 2024), Galiza e o decolonialismo (Fundación Luis Seoane, 2023), A través das marxes (Bartlebooth, 2018), Revoltando á terra (Bolanda, 2018) e La fiesta, lo raro y el espacio público (Bartlebooth, 2019) —unha bibliografía que, lida en conxunto, traza un mapa dos meus intereses: os comúns, as ruralidades, o axenciamento, as subalternidades ou o espazo público.
Impartín conferencias na University of Pennsylvania, a New European Bauhaus ou o Círculo de Bellas Artes de Madrid, e son docente invitado no Máster de Xestión Cultural da Universidad Carlos III e no Curso de Experto Universitario de Xestión Cultural da USC.
Teño tamén alter egos, como Transmaio, a Cabezuda Travestida Divine ou a Raíña do Antropoceno.