Sensorialidades aplicadas, un ensaio arte-ciencia foi unha investigación experimental que tivo lugar na Fundación Luis Seoane e no que se ensaiou a percepción sensorial coas obras do artista, A investigación tiña dous obxectivos claros, por unha banda amplificar a experiencia da atención e por outro lado coñecer que implica para o espectador visitar/habitar unha obra de arte. Para iso contouse co uso dun software de análise sensorial e un electroencefalograma (EEG) para medir as emocións mediante a análise da actividade eléctrica do cerebro utilizando para iso pequenos eléctrodos; mais tamén mediante o propio corpo procurando achegar a obra ao corpo e viceversa.
Profundizar a atención, facela máis sostida, máis plena é un intento de resistencia á economía da atención, como un xeito de parar, de tomar consciencia do aquí e do agora, do instante mesmo, de desfrutar da experiencia sensorial, de poñer o corpo ao servizo dese intre concreto. Ao longo duns obradoiros analizouse a experiencia de habitar unha obra, xogouse cunha atención máis consciente e outra menos consciente (a que podería ser a habitual na visita a un museo), para así coñecer que supón para o espectador ver a obra, mais tamén como exercizo para adestrar a atención e mellorar a agudeza sensitiva.
Neste estudo realizáronse medicións das emocións sentidas en diferentes momentos da visita á Fundación Luis Seoane. En concreto efectuáronse 10 experiencias que foron medidas co obxectivo de harmonizar os resultados e comparar as accións. As medidas realizaronse mediante dous métodos diferentes, enquisas e diadema EEG, así como a través do análise das conversas derivadas de cada experiencia. Así cos participantes mediuse o compromiso, a concentración, o interese, a relaxación, o estrés e a excitación.
A investigación contou coa colaboración de Taste Lab, S.L. unha pioneira spin of da Universidade de Santiago de Compostela especializada en análise sensorial.
Para descargar o ensaio performativo que da cota dos resultados da investigación experimental, prema AQUÍ.
Función: Dirección artística
Dispositivo: Investigación experimental
Orzamento: 7000€
Temporalidade: 2021
Co apoio de: Axuda da Xunta de Galicia para o fomento de actividades de creación-produción das Artes Plásticas e Visuais do 2020
Coa colaboración de: Participantes nos obradoiros e a Fundación Luis Seoane.
Imaxe de: Oscar Gorriz. A imaxe correspóndese a un dos obradoiros A Que sabe Luis Seoane.
Publicación: Fanzine Sensorialidades Aplicadas, edición propia
No deseño do fanzine: Nadina Gráfica e na impresión: Manchea