O medio rural como territorio, como hábitat, como lugar e como espazo produtor de coñecemento ten sufrindo un proceso de colonización por parte dos centros urbanos. Contribuír a un proceso decolonial é falar, conversar do estar a ser nun mundo contemporáneo non urbano, é atender a esas outras ópticas subalternizadas, entender esas outra forma de vivir e sentir a realidade. Trátase de facilitar espazos de enunciación desoutros mundos que se xeran desde os territorios non urbanos e a súa relación con estes.
É urxente entender o medio rural non só como un mero espazo produtor de alimentos e outras materias primas, senón tamén como un contexto produtor de subxectividades onde se deron e danse poéticas de (re)existencia outras. E na procura desoutras alternativas á modernidade as posicións situadas no medio rural dannos claves importantes. Con Ruraldecolonizado, tratamos de ver como determinadas formas de estar no medio rural e de vivilo, determinados saberes ou formas de relación coa natureza foron marxinadas en favor dunha suposta modernidade.
A través desta investigación experimental buscamos abrir espazos de debate e facilitar un diálogo de saberes. Cuestionamos como fomos (e niso somos todxs complices) afastándonos do rural. Este proceso provocou unha subalternización de saberes e de formas do ser e estar no mundo. É urxente tecer outros mecanismos que revertan estes procesos e que axuden a deformar estas relacións de subalternidad.